A ORQUESTRA GALEGA DE LIBERACIÓN é unha formación de músicos galegos que investiga a composición en directo e a improvisación dirixida a través da linguaxe do soundpainting, un sistema de dirección xestual creado polo compositor neoyorquino Walter Thompson. A través deste método, cada concerto convértese nun proceso de creación aberto no que a música se constrúe diante do público.
Xacobe Martínez Antelo, que estudou a linguaxe do soundpainting co propio Walter Thompson, dirixe esta formación na que conviven algúns dos nomes máis destacados da escena jazzística galega actual con músicos procedentes doutros ámbitos, como a música clásica e contemporánea ou a música experimental.